Non é saturación futebolística, nin exaltación dos valores do deporte, nin mostras do bo xogo dunha equipa coordinada de persoas, o espectáculo retransmitido por terra, mar e ar, ao que asistimos estes días. Se fose iso, mesmo poderiamos tirar conclusións sobre o positivos que son os esforzos colectivos, e como os individuos, caso de destacaren, fano grazas ao traballo conxunto e coordinado dun grupo de persoas cun obxectivo común, sen o que os méritos individuais ficarían nunha anécdota estéril e inútil.
Neste caso o que se promove é anulación do outro, do que non pensa igual, do que non actúa igual, nin quer ser igual. Unha anulación que se agrava e se volve desprezo e xenreira cando se trata de nacións diferentes á que se pretende facer pasar como única e indivisíbel. Con todo, existimos, e queremos que a nosa existencia sexa sinónimo de dereitos exercidos e recoñecidos.
Radios, xornais, televisións, redes sociais... en toda parte se fala dos valores de España, envexa de todo o mundo. Non lles falta razón. O poder desexa trasladar eses valores totalitarios, mestura de uniformidade, fanatismo, acriticismo, soberbia, prepotencia, desprezo polo diferente... e malia eses valores non teren nada que contribúa a mellorar ningunha sociedade, é claro que España, niso, si que está avanzada.
Non hai pan, mais hai circo universal, obrigatorio e gratuíto. Para entrar só é necesario participar na grande borracheira, convenientemente combinada, para enganar máis os sentidos, con bandeiras rojigualdas, camisetas vermellas que agora substitúen as vellas camisas azuis, e un tabernario a por ellos (ben máis agresivo que o Cara al sol, aínda que menos ridículo que cantar o lolo-lolo constitucional), todo iso patrocinado por entidades bancarias que non se ruborizan ao solicitaren resgates, ou empresas que abertamente aplican as novas modalidades de despedimento gratuíto ou promoven o retraso da idade de xubilación, a baixa dos salarios, o repago, a privatización de servizos...co concurso proactivo e adiantado das institucións e dos partidos de quenda ao seu servizo, que si se escandalizan cando outros cumpren coas tarefas de servizo á sociedade e informan: Resgatan á banca, rouban o pobo.
Ben se ve a quen serve cada quen. Levan ao pobo ao apoio incondicional e sen fisuras non a unha equipa, mais a unhas cores que historicamente representaron e representan, o trunfo da barbarie. Un apoio incondicional que implica a negación do alleo, ou, no noso caso, do propio, da nosa lingua, cultura, da existencia como nación con dereitos. Así se abriu sempre o camiño da submisión e da imposición, por iso non estraña que agora o goberno anuncie unha intensificación da ofensiva económica e social contra as maiorías. Esa é a verdadeira e única España, a da miseria da maioría para lucro dunha cada vez máis minoritaria minoría que agora busca a leximitidade que nunca tivo, non nas armas africanas, mais no resultado de 90 minutos de xogo. A que é tan submisa co forte como arrogante coas nacións que á forza conviven con ela.
Fronte á España fachendosa que gaña tanto no fútebol, como perde de soberanía, non a favor dos pobos que a precisan para vivir con dignidade, mais a favor do conxunto mafioso da banca e o grande capital, as e os nacionalistas, as e os que berramos “galeg@s e só galeg@s”, somos @s que nos afirmamos na soberanía como garante da democracia e do traballo, da igualdade entre as persoas e os pobos, da paz e da liberdade.
[10-07-2012] Nen tan listo nen tan paleto comentou:
Bo artigo. Cando falamos de "seleccións nacionais", estamos a falar da representación dun construto político, enténdase, de política "pura e dura". De feito, a liquidación da selección galega argumentada por ser "despilfarro", o impedimento por parte do Goberno español a que Catalunya, Euzkadi e Galiza poidan ter seleccións xogando en encontros oficiais, non é máis co posicionamento político por parte do españolismo que ve nesa representación un perigo.
Se fose simplesmente deporte, que problema hai para a existencia destas seleccións? Incluso, algúns até terían dobre sorte, dúas en vez dunha.
Se simplesmente fose deporte, por que un xogador non pode formar parte dunha selección se xa xogou con outra? Acaso pasa iso nos equipos de fútbol?
Se simplesmente fose deporte, entenderíase que en plena crise económica, ás portas dunha intervención, o presidente do goberno español se fose a ver a final da "Europa league" ou a "Liga de campións", onde participase calquera equipo da liga española?
Se simplesmente fose deporte, non tería tanta repercusión.
Lembro as verbas de Guardiola: "Xoguei na selección española porque as leis nos dicían que tiñamos que xogar coa selección española, que a selección catalana non está lexitimada para xogar ...".
Seguramente, se calamos e non o dicimos, non incomodamos a veciños e veciñas,... pero hai que dicilo.
[05-07-2012] Marcial comentou:
Tanto a Marcos Maceira Eiras como a Alejandra digolles só lles digo unha cousa: a verdade que se nos está indo a cabeza; "Fútbol e fútbol, e gol e gol" que dicía Vujadin Boskov. Mesturar iso co repago, a baixa dos salarios etc, si que me parece obsceno. Eu non son profesional do fútbol, mais si que xogo as típicas pachangas con xente de esquerdas, de dereitas, nacionalistas, gays, heteros, vigueses, coruñeses... e vos aseguro que no terreo de xogo todos somos un, e facemos valer o que Marcos relataba no seu primeiro paráfrago, o demais e seguirlle o xogo aos que tanto criticades e que utilizan o fútbol para os seus fins polítcos e totalitarios. O fútlol e o resto de deportes son outra cousa.
[04-07-2012] Alejandra comentou:
Eu, en troques, estou de acordo co artigo. O deporte que se mira é só un espectáculo calquera que, no contexto actual da realidade, ten unha trascendencia obscena nos medios xornalísticos. Alén diso, a relativización dos símbolos dese espectáculo, mesmo a aceptación pasiva deles porque "non é tan grave", abren a porta a influencia dun circo de valores superficiais e baleiros útiles para os intereses que xa coñecemos, cando non a un verdadeiro sindrome de Estocolmo.
[04-07-2012] Paleto comentou:
Non podo estar máis en desacordo con este artigo e na valoración tan negativa que fai da conquista dun titulo deportivo por unha selección de deportistas profesionais. Nada ten que ver un trunfo deportivo con toda a propaganda que leva ao redor...si señor é fútbol! e a prensa madrileña fai o mesmo coa selección que co Real Madrid...pero como este non se chama España non hai ningún problema. Cantos "nacionalistas" son siareiros do Real Madrid? eu coñezo uns poucos... .
Pola miña banda doulle a noraboa a unha xeración de futbolistas únicos que para os amantes deste xogo somentes fan realidade os nosos soños por un xogo espectacular, único e perfecto.
Para min a única pena é que non teña sitio no equipo ningún xogador galego, o que claramente reflecte a falta de interese ou o non saber facer coa canteira dos equipos profesionais galegos.
O nacionalismo galego non pode permitirse transmitir que os trunfos da selección española son derrotas para Galiza xa que iso non é certo e ademáis é un erro que a maioría dos galegos non comprenderían.
Na selección hai vascos e vironse bandeiras de Euskadi, hai cataláns e vironse vandeiras catalanas, hai andaluces e vironse bandeiras andaluzas,...
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org