"A miña patria natural é Galiza, ámoa fervorosamente. Endexamais a traizoaría aínda que me concedesen séculos de vida. Adóroa máis alá da miña morte. Fixen canto puiden por Galiza e faría máis se puidese". Alexandre Bóveda 1936
Cada semana atopámonos unha afronta mais contra os nosos dereitos básicos e todos os augurios indican que nos próximos meses seguiran apertándonos, oprimíndonos, espoliándonos,… en beneficio dos de sempre: deles mesmos. Porque por moito que leven o adxectivo popular nas siglas baixo as cales se escudan de populares teñen pouco, máis ben todo o contrario.
Atacaron os dereitos básicos de educación e sanidade pública, intentando facernos crer que para poder sustentar estes servizos fai falla aplicar recortes pero mentres seguen intentando facer hospitais con capital privado para privatizar servizos mentres deixan de contratar persoal para os centros que xa están funcionando precarizando así os servizos. Non creen na educación pública e por iso despiden a mestres, aumentado o número de escolares por aulas,… pero os únicos mestres que non sofren baixas son os de relixión, non se vaia cabrear a Conferencia Episcopal e deixe de facer campaña a favor deles porque o de que vivimos nun estado laico é tan so unha mera ilusión ao igual que os deuses gregos.
Atacaron as mulleres e o seu dereito a decidir sobre o seu corpo e o seu futuro. Coas leis da familia da Xunta de Galicia e do aborto do Estado Español retrocedemos décadas. Din protexer un feto, unha célula, porque claro cando está no ventre da nai non lles supón un gasto as arcas públicas pero unha vez que nace esquecense da protección, das axudas a infancia. Dálles igual o sufrimento da xestante ou do propio feto inclusive do neno unha vez nacido porque é moi fácil anular o suposto de malformación do feto para interromper o embarazo pero cando nace un neno con problemas físicos, con patoloxías incurables, con malformacións enseguida se esquecen de dotar a lei de dependencia das partidas necesarias para facilitarlle a vida a eses recen nacidos que tantos esforzos e empeño puxeron para que nacese culpabilizando as nais que quixeron evitar eses sufrimentos.
Atacaron o consumo, o dereito a adquisición de produtos de primeira necesidade subindo o Ive e subindo os impostos paralizando así a economía de consumo pero sen embargo protexeron os toros e o fútbol, o opio do pobo popular, nun intento de manter a poboación distraída e que se esquezan de que dificilmente vai ser posible que moitas máis familias cheguen a fin de mes, ou que unha vez que paguen hipoteca, luz, auga, medicamentos, poidan comprar o leite e o pan suficiente para o resto do mes.
Hai tempo que o dereito a unha vivenda digna deixou de ser un dereito para converterse nunha utopía e agora sacan a luz a creación dun “Banco malo” onde iran parar todos eses activos tóxicos que teñen as entidades bancarias para salvar a banca e seguir prexudicando aos cidadáns, porque este banco está pensado para sanear os bancos que coa avaricia de xestores que se xubilan con cifras de escándalo son os culpables da actual situación económica e do empobrecemento de moitas familias porque rescatan bancos e enterran a familias na pobreza. Pasando o Estado Español a ser unha gran inmobiliaria pero non contempla a creación ou alugueiro de vivendas sociais ou formulas para recuperar as vivendas de desfiuzamentos. A ironía do nome de banco malo é un reflexo das políticas que se están facendo porque de algo malo so pode nacer algo malo ou peor, un ministro malo de economía so pode crear un banco malo ao estilo “Lehman Brothers ”
[19-08-2012] Domingos Ramón Campos Alborés comentou:
Subscribo totalmente oi comentario. Eu tamén levo a GALIZA no corazón. Eles, NOOOON....
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org