17:08 Sabado, 18 de Maio de 2013
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-08-2012

Aproveito para, dunha vez por todas, aclarar algún pormenor da miña escrita e/ou da miña fala

Despotismo iletrado

Valorar (70)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Sobre o despotismo ilustrado tense escrito amplamente. Sobre o despotismo iletrado, a que se vai referir este artigo, moi pouco, de modo e maneira que pido paciencia á leitora, ao leitor, por se  -contravindo o que teño por norma-  abordo un tema que poda resultar particular ou persoal de máis. O asunto é como segue. Nos días 26 e 27 de Abril deste ano, acudín á cidade  de Braga, onde se celebrou, organizado pola Universidade Católica, o Coloquio Internacional “Narrativas do Poder Feminino”, con, por certo, moi boa organización e intervencións. Nel apresentei a comunicación titulada “O conceito de auctoritas reformulado na obra de Rosalía de Castro: autor, autoría, autoridade”. Previamente, o resumo da comunicación fora admitido e, na data correspondente, a mesma foi lida ante o público presente. No mes seguinte, informada da previsión da súa publicación nas actas habituais, reducín no que cumpría o texto para o adaptar ao número de caracteres esixido. Infórmasenos tamén  -a min e ao resto de intervinientes-  de as comunicacións seren submetidas ao parecer de dous referee externos. Confeso que a palabra me trasladou a Castelao, que a usa, no seu Sempre en Galiza, por ser daquela, supoño, a usual antes de se popularizar “árbitro”. No mes pasado, a coordenadora do coloquio envíame os criterios en que aquela avaliación se debera basear e mais o “parecer” dun dos referee. A avaliación global realízase nunha escala de 5, máximo, a 1, mínimo, e a cualificación outorgada á miña por parte deste avaliador é 3, que significa “comunicación aceite con alteracións significativas”.              

Indícase que a elaboración do “parecer” deberá ter en conta os seguintes parámetros: orixinalidade e relevancia do traballo; adecuación entre os obxectivos formulados e o traballo desenvolvido; consistencia da argumentación e fundamentación teórica e empírica; adecuación das opcións metodolóxicas; actualización bibliográfica; clareza da exposición e organización.              

Pois ben, velaquí o texto literal do “parecer” do avaliador ou avaliadora: “Nao se adscreve a uma norma ortografica galega definida, pelo que os erros gramaticais sao muitos: viver, efeito, enfrentándose, reflicte, recordación, por tanto, varóns, feixoniano, etc. Também necessitaria uma revisao de estilo”.              

Todo leva a pensar que o cranio privilexiado que tal escrebeu pertence á Universidade de Santiago de Compostela ou á de Vigo, visto  -como é lóxico-  que se exclúa a da comunicante, e téndomos en conta que, en se tratando dunha autora como Rosalía de Castro, se solicitase o ditame dun elemento galego. Reparen no portugués macarrónico que nen sequer se molesta en grafar o til de nasalidade ou o agudo que debe levar, como esdrúxula, o adxectivo “ortográfica”, por non falar doutros pormenores sintáctico-léxicos, que delatan unha tradución chambona. Mais vou ao cerne da cuestión. O avaliador ou avaliadora conceptúa como “erros gramaticais” (¡!) palabras de uso normal en portugués, como “viver” ou “efeito” e condena ao mesmo penal o resto dos termos escollidos: ¿acaso non son galegos?! Insolente, aponta unha “revisión de estilo”, sen xustificar tal precisión: ¿hai, por ventura, anacolutos, repeticións desnecesarias, utilización impropria de tecnicismos, descoñecemento lexical…?                

Ilustración da novela "Fahrenheit 451" de Ray Bradbury e despois filme de François Truffaut

Nen unha soia liña sobre os parámetros que debera ter en conta, tal e como a coordenadora do coloquio indicaba, para a avaliación do traballo. Nada sobre o tema, orixinalidade, argumentación, método, exposición ou bibliografía. Para que? ¿A que perder o tempo? Con ditar o anatema sit da estúpida dogmática normativa, xa está a cousa resolvida.                  

¿Vulnero con esta información o pretenso anonimato requerido? En absoluto. En primeiro lugar, chama a atención que comunicacións admitidas, lidas e expostas publicamente, sexan submetidas a este trámite e eventualmente modificadas na súa substancia, co cal as actas xa non serían tais, senón refacción dos textos efectivamente existentes no coloquio (unha outra cousa é a aprobación dun artigo para unha revista especializada que deba submeterse ao consello de redacción ou comisión de leitura correspondente). En segundo lugar, o anonimato, para o avaliador ou avaliadora, é inexistente, desde o momento en que o tal coloquio tivo abundante publicidade previa e contou coa edición do programa onde constaban ben claros nomes e temas dos intervinientes. En terceiro lugar, hai aínda, no caso que comentamos, máis elementos delatores, como os que, no campo académico galego, proscreben todo canto non se afilie ao “Reservado o dereito de admisión” previo. O avaliador ou avaliadora (este, si anónimo) que tan lixeira e irresponsabelmente xulgou despreza o que ignora e ignora o que despreza, por parafrasearmos Antonio Machado. Tiña na súa man, tal e como lle foi pedido, unha crítica xustificada e a avaliación correspondente, mais xa se ve que o código penal ignorante prima sobre calquer outro criterio. ¡E a isto se reduce o “parecer” dun-ha, supostamente, experto-a académico-a! ¡Viva a obxectividade, a ecuanimidade e, sobre de todo, a honestidade intelectual!                  

Aproveito para, dunha vez por todas, aclarar algún pormenor da miña escrita e/ou da miña fala. Se utilizo termos como “dicer”, “escreber”, “viver”, “conceito”, “efeito”… ou algúns máis non é por nengunha disidencia caprichosa a respeito da chamada normativa oficial. Todos eles son palabras que pertencen a variantes do común sistema, teñen a sanción social de millóns de falantes, e coido que non lle fan mal nengún ao galego. Si lle fai mal a profusión de castelanismos; si lle fai mal a obsesión pola forma gráfica, en detrimento do léxico, semántica e fraseoloxía xenuínas; si lle fai mal a imposición de inventos como “titor”-“titoría” e derivados (¿para cando se imporá a “titela” xudicial?) ou “vestiario”, por “vestuario”, onde nen sequer se ten en conta a homofonía verbo de “bestiario”. Si lle fai mal que, á maneira do galego de encrucillado, como o eu denomino, isto é, o que admite unha soa solución e elimina, xa que logo, a sinonimia, se suprima o valor desiderativo ou ad futurum das formas verbais en –ra e se chegue a fórmulas absurdas como “quen me dese!” no canto de “quen me dera!” ou “non se porta como debese” en lugar de “non se porta como debera”. E tantos exemplos máis. Direi-escreberei “dicir” o día en que diga-escreba “naide”, ambos igualmente procedentes do castelán vulgar. E con todo e con isto, unha servidora non proscrebe, na leitura ou no xuízo, texto nengún escrito ou dito coas formas mencionadas. Vaian en boa hora todas e todos os que se adhiran estritamente ás solucións lexicais impostas: eu non os vou criticar nen leo os seus textos con lentes de fiscal acusadora, mais, pola mesma, non vou admitir que se exclúan e penalicen formas que non son invención caprichosa, ou arcaísmos inintelixíbeis ou exotismos superfluos senón que existen, real e efectivamente, onde a lingua é, nos seus falantes e practicantes, por moito que pertenzan a outros Estados diferentes do que domina a Galiza.                

Repare, quen isto ler, nalgunhas das voces condenadas: ¿son estrañas ao galego? ¿Cal é o pecado cometido? ¿Aproximárense un chisco ao portugués? Daquela, todo o galego é un “erro gramatical”!! Apaga e vámonos…                   Nota bene.- Por suposto, comunicarei a miña exclusión voluntaria do volume dunhas actas que, ao cabo, non van ser tais. De por parte, líbreme Deus de estar pecadoramente presente nun libro cheo de “erros gramaticais”!!


[02-09-2012] AntonioGil comentou:

Cara Pilar, concordo contigo. Também posso narrar diversas anedotas, relativas à pessimamente dominada "normativa oficial" (não existe no reino bourbónico nem na Hispanofonia ortografias oficiais nem sequer do castelhano e, lembremos, o "galego" oficialmente é "lengua española", portanto inclusa na Hiapanofonia...).
Das anedotas tiro duas consequências: 1.ª Importa nada a "ortografia"; esta se utiliza com outros objetivos infames ou nefandos (que não se podem dizer!).- 2.ª O objetivo mais infame e nefando é justamente o que atinge à liberdade de expressão e, de passagem, à livre ação dos cidadãos livres para livremente se organizarem mesmo como nacionais divergentes do nacionalismo "espaÑol" radical.
Volto às anedotas:

1.- Participamos, se lembras, num Simpósio que organizou o ConCulGa lá, em 1990. E participamos bastantes não "oficialistas". O ConCulGa comprometera-se a publicar as Actas. Mas nunca foram publicadas. (Sim publicaram em Galaxia os seus textos o Monteagudo, o Santamarina e algum outro arreconchegado sob a sombra do Prof. Muljacic, que com certeza era quase ignorante da situação. "Quase" porque em mais de um artigo o Prof. Muljacic reconhecia a existência de "la questione della lingua" na Galiza.)

2.- Pelos anos 80 fui convidado a participar numa mesa redonda nas jornadas de Escola Viva (dos âmbitos da UGT-PSOE, nada perigosos), em que também estaria Paz Lamela Vilariño, então "Directora General de Política Linguística". Mas não pôde ser, porque a senhora vetou a minha presença. Porém, reconheço que Escola Viva me pagou as dietas de viagem...

Concluo: Não é a grafia o tema, mas apenas o pretexto. O texto radica na necessidade "espaÑola" (radical) de manter os cidadãos galegos na ignorância da sua língua, da sua cultura, da sua história.

[22-08-2012] envexanutricia comentou:

Mágoa que o contido dun texto, tan correcta e elocuentemente describido, non aluda a unha simples anecdota, senón que responda a unha realidade habitual e aborrecíbel.
Con ánimo empático, deixo para a autora do artigo, as frases que seguen:
-“Nada no mundo é máis perigoso que a ignorancia sincera e a estupidez concienzuda” (Martin Luther King).
-“ É máis doado desintegrar un átomo que superar un prexuízo” (Albert Einstein)”.
- Inútil é lles demostrar a verdade a aqueles cuxos pensamentos son (simplemente) baixos” (Nietzche).
- “ Obsequium amicos, veritas odium parit” (Terencio).
- “O cravo que sobresae sempre recibe unha martelada” (Proverbio chinés).
- “A envexa é o adversario das persoas máis afortunadas” (Epicteto de Frigia)
- É ben certo que “só se arroxa a pedra á árbore carregada de froitos” (Proverbio árabe)
(Obvio as múltiples reflexións e citas varias, de indubitada aplicación ao texto de referencia, na escrita de Rosalía de Castro ao supor estas de común e internalizada lectura polos lectores/as habituais desta web. A propósito, onde poderemos ler a nomeada comunicación de García Negro, “O conceito de auctoritas reformulado na obra de Rosalía de Castro: autor, autoría, autoridade”? Non habería algún modo de termos acceso a tan prometedor relatorio?)
Unha cálida aperta.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org